O vindeiro 12 de decembro presentarase ás 10.00 horas na sede de Limne (CIN de Quart de Poblet, Valencia) o Proxecto Fluviatilis. A presentación será presencial e electrónica e será necesario inscribirse.
O colectivo formado polas entidades ANSE (Murcia), ADEGA (Galiza), Grup de Natura Freixe (Cataluña), Fundación Limne (País Valenciano) e Red Cambera (Cantabria) quere convidarvos á presentación do proxecto FLUVIATILIS , que terá lugar o vindeiro luns, 12 de decembro, na sala de exposicións do CIN en Quart de Poblet (Valencia).
O proxecto FLUVIATILIS: custodia para a resiliencia ten como obxectivo principal a conservación e rehabilitación dos ecosistemas fluviais, aumentando a súa resiliencia ao cambio climático e a prestación de servizos ecosistémicos a través da custodia fluvial, unha importante ferramenta para a xestión integrada do territorio. A través desta estratexia de xestión, as entidades que forman Fluviatilis promoverán a xestión compartida dos ecosistemas acuáticos continentais dende a sociedade civil; levaremos a cabo actuacións para mellorar a prestación de servizos ecosistémicos (o que nos proporcionan os ecosistemas acuáticos); adaptaremos ríos e zonas húmidas ao cambio climático con Nature-Based Solutions (SBN) e ecodeseño; impulsaremos o desenvolvemento da economía circular e da bioeconomía do medio local no que actuamos e, de acordo co establecido na Directiva Marco da Auga, integraremos á cidadanía na mellora e conservación dos ecosistemas obxectivo do proxecto.